Do futurismo á música industrial: Fascismo e vangarda no corazón do bosque (III) por Samuel Solleiro

 

U2ntitled2

[primeira parte]

[segunda parte]

[terceira parte]

II. NUBES ROSAS NO HOLOCAUSTO

fascismo7

Chicago, 2003. Nun local de concertos chamado The Empty Bottle está programado un concerto da banda británica Death in June. O dono do local, un tal Bruce Finkelman, recibe presións dun grupo antifascista que se chama Center for New Community para que suspenda o concerto, alegando que Death in June é un perigoso grupo criptofascista que promove o racismo e o odio. O señor Finkelman está bastante estrañado: non coñece a banda pero ve que se move por cauces “normais”. A Liga Antidifamación tampouco posúe información específica sobre ela. A polémica faise pública e Bruce Finkelman chama a negociar ás dúas partes, pero estas rexeitan a oferta. Finkelman (que é xudeu) comeza a recibir ameazas de morte de ambas partes e decide suspender o concerto. Outra sala de Chicago con menos escrúpulos, ou tal vez con menos prestixio que perder, contrata os Death in June a última hora. Nos minutos anteriores ao concerto, algunhas persoas acoden para boicotealo e líase parda (nunca mellor dito). O concerto suspéndese no último minuto.

Nos seguintes anos suspéndense concertos de Death in June en Noruega, Suíza, Alemaña, Bielorrusia ou Estados Unidos. Cando non se suspenden, hai campañas de boicot e pifostios asegurados na veciñanza. Algúns discos do grupo teñen prohibida a distribución; outros levan un aviso para os pais e as nais.

E porén Death in June non é unha banda de skinheads perigosos nin cantan sobre linchar negros. Basicamente, xogan a carta da escuridade en todos os sentidos: vístense con máscaras que evocan cultos pagáns; utilizan simboloxía que evoca tanxencialmente a do fascismo; introducen temas do imaxinario nazi nos seus textos de forma bastante sutil e non directamente apoloxética. E ao mesmo tempo o seu líder, Douglas Pearce, é un homosexual declarado que non admite no grupo militantes de partidos como o BNP e proclama razóns de tipo estético e individual para os seus coqueteos co mundo nazi.

fascismo6

Pearce procede do mundo do trotskismo do Reino Unido de finais dos anos 70. Líder do grupo punk Crisis, pasa do trotskismo ao anarquismo, e desde aí comeza a interesarse pola historia e a construír un relato no que o mito da traizón estalinista, que é fundamental no trotskismo, se extrapola á Alemaña nazi, entre as SA, como suposta “á esquerda” do partido, e as SS, representantes do hitlerismo e da oficialidade. Este conflito, na historia, cristaliza na Noite dos Coitelos Longos, na que Hitler manda asasinar os líderes das SA. A Noite dos Coitelos Longos é o 30 de xuño de 1934: de aí provén o nome do grupo e aí se xera todo un imaxinario, feito de símbolos, uniformes ou máscaras, que se mantén en base a unha coidadosísima ambigüidade por parte do grupo (o que non implica que os fans e os detractores respecten sempre esta ambigüidade).

fascismo8

Obxecto de debates interminábeis entre estes e aqueles, primeiro no mundo dos fanzines musicais e despois en internet, o fascismo de Death in June é demasiado coherente para consideralo pura provocación pero demasiado misterioso para tomalo como unha militancia seria.

De que vai todo isto?

Le Mans, 2012. Samuel Solleiro abúrrese e navega por páxinas de extrema dereita en internet. Unha páxina galega que non ten importancia dálle o enlace para o web dun grupo musical portugués que se chaman Sangre Cavallum. Sangre Cavallum é un grupo estraño: van vestidos con máscaras de entrudo portugués (nunha referencia aos propios Death in June que Solleiro aínda non entende) e tocan cancións tradicionais do norte portugués que en moitos casos Solleiro coñece porque son as mesmas que as do sur galego. Pero todo está ecualizado dunha forma estraña: as percusións moi altas, as cordas e os ventos máis baixos, a voz moi atrás e unha especie de drone que zoa de fondo. Os arranxos son monótonos e o repertorio particularmente lúgubre. Solleiro acaba de descubrir o neofolk, unha das escenas musicais máis escuras e estrañas da vella Europa.

Nos seguintes meses, Solleiro investiga a fondo este xénero, escóitao, le libros e até crea unha conta de facebook específica para entrar en contacto con algúns dos participantes nesta escena.

É que se aburre moito. Abúrrese soberanamente.

Se lembrades os asinantes daquel programa político futurista, soaravos o nome dun deles, Luigi Russolo. Russolo tivo a gran idea de aplicar as ideas futuristas á música nun manifesto que se chamou L’arte dei rumori (A arte dos ruídos), grosso modo, unha apoloxía do uso do ruído na música.

Podemos trazar unha filiación rápida e facer desembocar estas ideas futuristas na música concreta de Pierre Schaeffer e de aí na música industrial de Throbbing Gristle ou Einstürzende Neubauten. Da música industrial precisamente deriva, como subxénero, o chamado marcial industrial (cancións cuxa principal inspiración é a música bélica e os ruídos da guerra), e tamén o neofolk do que falei a conto de Death in June ou de Sangre Cavallum, e que popularizou en boa medida un señor moi raro que se chama David Tibet e que tocou hai uns anos en Compostela e eu non puiden ilo ver. Tibet é algo así como o patriarca do movemento, un pouco por riba do ben e do mal en cuestións ideolóxicas, e funciona como bisagra entre a escena neofolk e unha cultura algo máis mainstream (colaborou con Björk, Nick Cave ou Antony and The Johnsons). O imaxinario fascista no grupo Current 93 de David Tibet é só un máis entre moitos elementos da cultura do ocultismo, pero case todos os seus compañeiros, herdeiros, epígonos e seguidores (os mencionados Death in June ou Sol Invictus, no Reino Unido, Boyd Rice / NON ou Blood Axis nos Estados Unidos, Les Joyaux de la Princesse ou Dernière Volonté en Francia, Of the Wand and the Moon en Dinamarca, ROME en Luxemburgo, Darkwood ou Orplid en Alemaña, Der Blutharsch en Austria e moitos outros) explotan dunha maneira ou outra o imaxinario fascista até os limites do asumíbel.

fascismo9

Pero hai uns limites do asumíbel falando de extrema dereita? Refírome a utilizar simboloxía que evoca ou lembra a nazi sen que chegue a selo exactamente; a trazar listaxes de influencias culturais (en inglés hai unha palabra para isto: namedropping) nas que aparecen basicamente personaxes que, se ben estiveron ligados dunha forma ou outra aos réximes fascistas, teñen un interese cultural a maiores ou estiveron relacionados de forma heterodoxa con eles; a reivindicar vagos conceptos, como o paganismo, o heroísmo individual ou o honor militar, dos que, se ben a extrema dereita non ten o monopolio absoluto, estrañaría velos por xunto nun discurso progresista.

fascismo1

A escena neofolk é moi underground, e son poucos os seus axentes que teñen un activismo político claro, case sempre en proxectos de dereitas (da chamada “terceira posición”) pouco relevantes socialmente. A inmensa maioría de participantes aseguran facer simplemente “arte”, sen maior transcendencia. Oh, si, talvez sexan un pouco tradicionalistas e europeístas e prefiran unha certa orde social, pero non defenden a Hitler nin a Mussolini, non se consideran racistas e algúns até teñen amigos gays. A maior parte, ademais, non menten cando din isto.

Simultaneamente, acontecen sucesos como o de Chicago e internet énchese de artigos incendiarios que pretenden “desenmascarar” o nazismo hexemónico no movemento neofolk, moitas veces en base a afinidades entre as bandas, en portais entre os que destaca o sitio web británico Who makes the nazis? ou o sitio web do escritor Stewart Home.

Que pasa aquí? Quen é toda esta xente?

Hai que aplicar aquilo de que se anda como un pato, nada como un pato e fai cua-cua debe ser un pato? Ou será todo isto unha inmensa teoría da conspiración do estilo “eh, tíos, os nazis están entre nós”?

Se a min me gusta Céline son un nazi? E se me gusta Céline e Yukio Mishima e Curzio Malaparte, son un nazi? E se só me gusta Céline, Mishima, Malaparte e outros polo estilo? Nese caso son un nazi? E postos a que se poida definir un nazi polos seus gustos culturais, é moi grave ser un nazi se non milito en ningures e me limito a escoitar uns grupos que ao meu pai lle parece que soan raro? Está prohibido ser un nazi? Está prohibido ser amigo dun nazi? É o mesmo o gusto que a fascinación? Tocan a mesma corda da cabeza?

Algo falla aquí: faltan datos? Falta un código? Unha gramática?

Será que o debate, vello como o mundo moderno, de se a arte violenta promove a violencia ou é a violencia a que inspira a arte violenta aínda acaba de comezar?

Se hoxe veño ás Almáciga(s) e fago unha conferencia sobre asuntos de nazis, son un nazi?

 

[Fin da terceira parte]

______________

Samuel Solleiro é tradutor, escritor, músico, emigrante retornado e mala persoa en xeral.

fotobn      zebra

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s