Do futurismo á música industrial: Fascismo e vangarda no corazón do bosque (II) por Samuel Solleiro

U2ntitled [primeira parte]

[segunda parte]

I. UNICA HIXIENE DO MUNDO

irredentismo-1914-filippo-tommaso-marinetti-custom

Fiume, 1919. Filippo Tommasso Marinetti chega á cidade, recén arrebatada a Croacia, e instálase no hotel Lloyd. Fiume é un estraño episodio da historia: un exército improvisado e resentido, ás ordes do poeta ultranacionalista Gabriele D’Annunzio, toma esa cidade ao pouco de rematar a I Guerra Mundial e organiza unha especie de utopía dereitista que dura até que a Musolini lle parece que a cousa se lle está indo das mans. Que o episodio estivese protagonizado por un poeta supón un exemplo extremo do capital simbólico que as persoas deste oficio puideron chegar a ter no século XX.

68658-004-D896DE11

A Marinetti entusiásmao Fiume, e non é nada fácil entusiasmar a Marinetti agás co que xa sabemos: as máquinas, a velocidade, a violencia. Pero que en Fiume haxa un goberno de artistas parécelle que cumpre moi ben as aspiracións políticas do futurismo: “Creo que a política italiana está destinada a un fracaso inevitábel”, di, “se non se alimenta desa forza viva, os xenios creadores de Italia, e non se desfai desas dúas enfermidades italianas: o avogado e o profesor”.

Pero cales son as aspiracións políticas do futurismo?

Son bastante coñecidas e no manifesto futurista orixinal de 1909 xa están, en certo modo, pero aparecen mellor explicadas noutro manifesto posterior, o chamado “Programma politico futurista” que Marinetti asina en 1913 canda Carlo Carrà, Umberto Boccioni e Luigi Russolo (desta cuadrilla, reteñamos o nome de Russolo). O primeiro punto do programa é claro: “Italia soberana absoluta. A palabra “Italia” debe dominar a palabra “liberdade””.

Calquera sabe que o futurismo italiano foi próximo ao fascismo, pero, vista a influencia social que teñen hoxe os artistas, costa máis comprender que foi, ademais, un dos axentes que confluíron na cristalización do fascismo, nunha aplicación avant la lettre e un pouco irónica, do concepto de “hexemonía” de Antonio Gramsci (a quen por certo, andado o tempo tamén lle parecería moi ben a aventura de Fiume e a quen, andado máis tempo, meterían na cadea outros aos que tamén lles parecía ben a aventura de Fiume).

futurismo_08

As achegas directas entre Marinetti e Mussolini remontan a 1914, nun acto intervencionista en Milán, e cristalizan ao longo do tempo. O principal obstáculo é o posibilismo de Mussolini: o futurismo era orixinalmente un movemento de vangarda en sentido estrito e, como tal, moito máis dado a pretender conservar a pureza duns ideais. Casos similares téñense dado en faccións de todos os movementos políticos reaccionarios, e estas faccións puristas pasan ao discurso histórico na forma de “ás esquerdas” (a “á esquerda” do Partido Nazi de Otto Strasser, o Falanxismo “auténtico” dos herdeiros de Manuel Hedilla, etc.). De todos modos, por haches ou por bes, Marinetti só abraza abertamente o fascismo a partir de 1943, despois do xiro antimonárquico que é a República de Salò.

As vangardas sucédense a gran velocidade e no tempo de Fiume, en realidade, o futurismo xa está algo vello. Foi substituído en canto vangarda influínte polo dadaísmo, que popularmente se ve como un movemento moito máis progresista e case anarquizante. Dadá ten unha vontade destrutora do pasado similar á do futurismo, pero evita encher o baleiro que deixa esta destrución con elementos concretos (como as máquinas, a guerra ou o patriotismo dos futuristas). Ten de cosmopolita o que o futurismo tiña de patriota, ten de pacifista o que o futurismo tiña de violento e ten de descabezado o que o futurismo tiña de xerárquico. Como o dadaísmo libera o significante do significado, non dá moito traballo velo como o avó de algo tan aparentemente inofensivo como a arte conceptual, tal e como hoxe a entendemos e que os burgueses que sodes vós e que son eu poderiamos ir agora mesmo admirar no CGAC e tomar unha caña despois.

whatisdada

Falando de museos rexionais, este verán visitei un museo valenciano que tiña obras vangardistas no seu fondo. Os letreiros explicativos profundaban precisamente nesta oposición entre futurismo e dadaísmo. Despois dos desacougantes manifestos futuristas, os manifestos dadaístas pretendían ser ideoloxicamente moito máis tranquilizadores. Pero entre os asinantes destes manifestos, canda Hugo Ball, Francis Picabia ou Tristan Tzara, sorprendeume encontrar un nome que vai volver aparecer: Julius Evola.

Volta a Fiume, 1919. O xornal Il corriere della sera recibe un telegrama que aplaude sinceramente a campaña de D’Annunzio, promete contribuír por todos os medios a dar a coñecer o novo estado e recoñece Fiume como cidade italiana desde xa. Asina o telegrama o moi progresista Grupo Dadaísta de Berlín.

[fin da segunda parte]

______________

Samuel Solleiro é tradutor, escritor, músico, emigrante retornado e mala persoa en xeral.

fotobn      zebra

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s