Foucellas Edulis por Bibiano Morón

 

Bibiano

 

“FOUCELLAS EDULIS”

 

– Oíchesme Piloto, espera para cociñar os boletus porque na noite non se mira o fume.

Quen así falaba era Benigno Andrade. Fuxido no monte. Coñecido polo nome da súa aldea Foucellas, preto de Mesía, Curtis, A Coruña. “Xa teño metido no capacete que calquera día serei collido pola Guardia Civil. Non vou chegar a vello e cando remate esta loita, eu non estarei aquí para saborear a victoria”. “Sei que de cada  derrota hai unha victoria agardando” dicía mentres preparaba queixo fresco á maneira tradicional que aprendera cando traballaba na leitaría. Benigno estaba ferido nunha perna e andaba cunha muleta e un bastón.

Mario de Langullo collera cantarelus e estábaos a picar con azucre. Esa sería o sobremesa: Mermelada de cantarelus con queixo fresco de Curtis mollado con Sanson… E por enriba castañas cocidas con fiuncho! Gardarríos era o encargado de asar os boletus  ao espeto,  coas barbas das espigas.

A irmá de Benigno, Consuelo, viñera a traerlle noticias e trouxera viño de Betanzos e unha pota de callos. Díxolles que os níscalos algo quentes poderíanse mesturar ben cos garavanzos que quedaban do mediodía.

– Que fai esta muller aquí?

– Dis que fago aquí? Pallaso! Vin a dicir paspán que dúas mulleres da partida de Lugo foron aforcadas nunha cerdeira en O Val de Rubiá e outra guerrilleira foi queimada viva nun combate na Serra do Xistral. Paréceche pouco, pallaso?

– Non son pallaso, son Gaioso! Gómez Gaioso!

– Está ben. Que che quede claro! As mulleres escapadas estamos no monte a facer un traballo moi importante, metemos armas no cárcere, preparamos casas para os escondidos na vila, facemos roupa e enterámonos de todo, e por iso cando nos collen, pásanos como a Carmen Rodríguez, no Cuartel de Quiroga, que lle arrancaron as uñas e lle queimaron as súas partes.

– Xa está ben, -dí Adonis, que tiña un dominó escondido- xogamos a garrafina?

A Adonis Morón xulgárano por cargar unha carroceta de fusís no Obradoiro para os mineiros de Lousame e que foi detido no achante dunha bufarda da Praza de San Agustín, de Santiago, cando a súa man saía polo tellado para darlle de comer ás pombas e un billeu viuno, e decatouse que esa escea non era normal.

Xa no monte, Adonis era moi falador, tiña longa conversa, sempre lembraba os seus amigos artistas, intelectuais e homes de ciencia que foran fusilados ou tiveran que escapar.

– Veña viño guerrilleiro! e pon cantar os cantarelus, -dixo Benigno-. Estirade unha manta pola herba e poñervos a comer. A noite xa vén axiña.

– Téño unha cousa que dicirvos : Comede amodiño que mañá é o día. No mencer pasa un tren por Teixeiro cheo de armas para A Coruña e temos que collelas todas. A metade de nós baixamos pola beira do río Deo, pasamos por baixo da ponte e imos pegadiños á vía cara a estación. Os outros baixan do Penedo pola Restreba, entran na estación e agardan debaixo do reloxo. Nós agardaremos achantados no outro lado do andén. Veñen os de Guitiriz dentro do tren, e diránnos onde está a “ferramenta”. Eles daránnos o sinal. Cagando ostias, encheremos a camioneta que os de Vigo terán acendida na Praza da Estación e liscamos coma foguetes, cada un para o seu lugar. Entendido?

Escoitábase un grande silencio.

Na sobremesa dicía Foucellas:

– Agora na vila estarán os nosos vellos na lareira sin tan siquera ganas de falar, escoitando o parte. E os nenos, como todos os días, esfameados, estarán cantando pola forza Montañas Nevadas, banderas al viento. Putos fascistas de merda. O que máis me rompe o cabazo é pensar no triste porvir que lle queda a estes nenos!

Colleu o tabaco Benigno e tamén o chisqueiro, arrimouse ao cobertor de durmir que tiña atado cun cinto e puxo o chaquetón de coiro. Achegou a bota de viño, meteu na friameira o sobrante da cea e gardouno no macuto. Afastou os explosivos das mechas.

– Hai que relevar a Chelo que leva casi seis horas de vixia.

– Que vaia o Gafas.

– Outra vez? -di Marcelino Fernández Villanueva.

– Sí, outra vez, -díxolle Cesar Ríos.

– Ti cos teus lentes miras millor pola noite -di un tal Reigosa-. Os fuxidos somos loitadores que agardamos.

Todos foron collidos. A Piloto matárono cando estaba a comer nun penedo. Din que lle furaron a barriga dun disparo. Cando un loitador come… É un bandido ou un guerrilleiro que ten fame? Benigno levaba posto un pantalón caqui e unha camisa de pana verde, as botas, unha granada no cinto, e os cargadores e a escopeta nas costas.

E na tardiña dun día de Agosto do 52, os nenos veciños do cárcere de A Coruña, xogaban a darlle patadas a unha muleta e a un bastón.

__________________

Bibiano Morón é músico e promotor cultural. É diplomado en Historia da Música pola UOC-Complutense. Agora ten facebook.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s